aquí vou ir deixando as cousas que fago e que podedes descargar de balde.
(se vedes isto no móbil, que é o máis probable, os fanzines non están en orde)
planificador para profes (curso 2026-2027)
aquí tendes o meu primeiro planificador. este é o meu primeiro curso completo, así que este é de proba para ver as necesidades que terei como profe. podédelo modificar con Illustrator ou con algún editor de PDF. modificacións que lle farei: engadirei páxinas de alumnado cando saiba as que teño e engadirei páxinas de notas, por exemplo. (cando o imprima, subirei fotos). está pensado para ser impreso en DinA4.
planificador para oposicións
este é un planificador de oposicións baseado no que empreguei o ano pasado con algunhas melloras que xa tiña a medio acabar… pero oh, sorpresa! saquei praza. a diferenza do do ano pasado, este está deseñado para que poida ser empregado independentemente do curso (por iso febreiro ten 29 días). estas son as seccións que ten e como as empreguei:
- planificador: por cada mes, no apartado de notas, poñía os temas que tiña que ter rematados. semanalmente, poñía que facer cada día alternando entre as diferentes partes da oposición.
- no apartado do temario poñía cada tema na primeira casa e logo ía coloreando segundo avanzara con el. a lenda é para empregar abreviaturas na táboa e códigos de cores. por exemplo, eu na miña lenta poñía “esquema – azul” e na táboa poñía na primeira fila de cada páxina “esq.” e coloreaba de azul cando facía o esquema de cada tema. podedes incluír un anexo co título dos temas, a min axudábame a situarme con algúns temas que non tiña situados.
- na bibliografía, dividín os temas que estudei por bloques (exemplo: debuxo técnico, historia da arte, etc.) e escribía unhas cantas referencias bibliográficas para incluír ao final do tema e así memorizar só unhas poucas para varios temas de temática similar.
- o apartado de programación funciona de forma similar á dos temas. a primeira táboa é para os diferentes apartados da programación (espero que vos cheguen. se non, podedes duplicar a páxina cun editor de PDF) e a segunda, para as 15 unidades didácticas.
está pensado para ser impreso en DinA5
se atopades erros ou tendes algunha suxestión, facédemo saber. eu no meu planificador puxen un debuxiño de pingu na portada para motivarme. ánimo coas opos, que de todo se sae!
axenda 2026
fixen esta axenda para uso persoal porque calquera cousa era mellor que a libreta que levo usando tres anos cos días escritos a boli. súboa por se a queredes imprimir pola vosa conta. está pensada para ser impresa en Din A5.
fanzines
quen di fanzines, di calquera cousa que foi concebida con intención de ser impresa e grampar desde 2014, aínda que quedara nunha intención.
deseños



un deseño de lois pereiro que fixen para un traballo de clase. en principio está pensado para sublimación.

traballo de clase que aprovetei para facer un fondo de pantalla.

tipografía feita a partir da miña (mala) letra con calligraphr. non ten números.


















