A pesar de ser unha persoa bastante tímida, desfruto moito de traballar con xente e de transmitir a miña paixón sobre cousas como o debuxo, a banda deseñada ou os fanzines.
Desde que saquei o meu cómic Fago o que podo (Rodolfo e Priscila, 2023) a xente comezou a chamarme para a realización de charlas e obradoiros sobre os temas que máis me gustan.
Gustaríache traballar comigo? Mándame unha mensaxe e falamos diso que se che pasa pola cabeza.

Obradoiro de Banda Deseñada: “Creando historietas”
Durante dúas xornadas, aprendimos os fundamentos da Banda Deseñada e como facer a nosa propia. Desde a busca de referentes ata o remate final pasando por técnicas de creatibidade para a procura de ideas.

Obradoiros na Exposición “Humor líquido: Xaquín Marín”
No marco da exposición retrospectiva á obra do humorista gráfico Xaquín Marín, leváronse a cabo varios obradoiros de ilustración para crianzas así como para alumnos de Secundaria que tiven o pracer de realizar. A partir das personaxes e temáticas de Xaquín Marín (adaptadas a cada franxa de idade) aprendemos a facer banda deseñada e a reflectir as nosas inquedanzas sobre o papel.
Charla: Creación en Galego
Carolina, profesora de galego, convidoume a dar unha charla para o seu alumnado. Na súa maioría, persoas que están vinculadas a Galiza polos seus pais e que queren conectar coa lingua e cultura dos seus ancestros.
Pareceume moi interesante amosarlles un anaquiño de manifestacións culturais galegas que me gustan para que teñan unha perspectiva de primeira man de cultura contemporánea.
Xornadas #MoverOsMarcos
Mover os Marcos foron unhas xornadas organizadas pola Deputación da Coruña nas que intercambiamos coñecementos e puntos de vista.
Eu din unha pequena charla incitando á xente a facer fanzines e por que son un medio estupendo para expresarse e difundir o traballo propio. Rematei a Charla cun QR con acceso a un documento con recursos e inspiración para comezar a facer fanzines e que podes ver pinchando aquí.
Obradoiro: Debuxo como podo (un cadáver exquisito)
Dentro da Feira do Libro da Coruña, Fixen un obradoiro dunha horiña sobre a creación de banda deseñada. Ao ser tan pouco tempo, argallei unha especie de cadáver exquisito con todas as participantes. Os resultados foron divertidísimos.
Xornadas GÁLIX XIII: O HUMOR COMO RECURSO INFALIBLE NAS AULAS.
O 2 de maio de 2024 participei nunha mesa xunto coas ilustradoras Blanca Millán e Víctor Rivas para falar do humor na banda deseñada e a ilustración dentro das Xornadas Gálix XIII: O humor como recurso infalible nas aulas.












