Saltar ao contido

cousas que me gustaron no verán

quería facer unha compilación de todos os libros e pelis que lin e vin no verán pero desde que publiquei un libro, xa non me gusta tanto falar mal das cousas que non me gustan. probablemente esa xente nunca as chegaría a ver, pero que che poñan dúas estrelas no Goodreads é bastante duro…

In the mood for love

Ano: 2000 / Dirección: Wong Kar Wai / Duración: 99′

Esta foi unha destas pelis ás que chegas sen querer, como case todas para min. Estaba na lista das 100 mellores películas segundo o New York Times (xa ves ti, quen é esa xente?) e como son unhe chique Filmin, vina porque a puxeron arriba na lista que fixeron.

Ao principio foime bastante indiferente. Pareceume bonita e xa está, pero co paso dos días, decateime en que non podía parar de pensar nela. No argumento, nos personaxes e na estética. Deixa un bo recordo.

The party

Ano: 2017 / Dirección: Sally Potter / Duración: 68′

Razón número un para vela: dura unha hora. Razón número dous: está chula. O que parece empezar como unha comida tranquila para que a protagonista celebre coas súas colegas que foi nomeada ministra, acaba nun pifostio que te cagas. É divertida. Gustoume porque as súas personaxes son o tipo de personaxe que me gusta pero que á vez non soporto: persoas que non paran de liala e que simplemente pensando dez segundos, solucionarían a situación. Pero non, prefiren seguir no caos. O mellor? O plot twist do final, se é que se podía chamar plot twist.

Radical

Ano: 2023 / Dirección: Christopher Zalla / Duración: 126′

“Ai, non, Afra, outra peli sobre un profesor motivado que cambia a vida dos seus alumnos”. Chst, cala un pouco, escoita. Si, é verdade, é a tipica historia sobre un profesor co que todas as profes soñamos ser. Chegar a unha escola sen recursos pero ser tan pro que todos os teus alumnos acaban triunfando na vida. Ou non… Un spoiler: non se salvan todos. Ao final, “botarlle ganas” non é suficiente. Sempre vai haber algúen que consiga sortear as dificultades e está xenial, pero non esquezamos que é un entre un millón.

Nesta peli empatizas cos nenos e queres que sexa unha peli na que ao final, todo sae ben. Pero non.

Everything, everywhere all at once

Ano: 2022 / Dirección: Daniel Kwan e Daniel Scheinert / Duración 139′

Gustoume pero teño a sensación de que non tanto como se falou. Creo que o mellor son as reseñas de Filmin: xente dispersa que si que debe estar vivindo sete liñas temporais á vez e non se enteran dunha merda. Bueno.

O argumento axuda a que se poidan facer cousas arriscadas e iso está guai. Excesivo para acabar dicindo “Mamá, no me rayes”? Déixoo ao voso criterio. A min moloume moito.

No other land

Ano: 2024 / Dirección: Basel Adra, Rachel Szor, Yuval Abraham e Hamdan Ballal /Duración: 92′

Sen palabras. (Procede a instarvos urxentemente a que vexades este documental). Eu entendo que se me estas lendo, tes empatía e humanidade, aínda que ás veces haxa que refrescala, pero, a pesar de todo o que está acontecéndolle á poboación Palestina, aínda hai xente que non o ten claro. Credes que este tipo de documentais ou películas conseguirán sensibilizar a esa xente?

A vida totalmente atravesada pola ocupación, pola política. Este documental serve para entender unha parte de todo o contexto pero que afecta a persoas reais que tamén rin, que se ven afectadas e que intentan seguir adiante.

Non hai nada que poida dicir que lle faga xustiza.

Encías quemadas

Ano: 2025 / Autora: Natalia Velarde / Páxinas: 208

Podemos escribir o que queirades sobre o loito por un animal, pero a autora convérteo en obra de arte. Se agardas unha historia convencional, este cómic non é para ti. Se queres vivir un soño febril, adiante.

A parte gráfica é espectacular e incluso aspiracional para min.

Se estades sensibles por unha perda, coidado ao dobrar a última páxina porque eu aí empecei a chorar a mares.

Consider this

Ano: 2022 /Autor: Chuck Palahniuk / Páxinas: 232

As que me coñecedes sabedes que estou tomando como reto persoal ler toda a bibliografía de Chuck Palahniuk porque me gusta sufrir e son un chaval cishetero de 17 anos medio incel, aparentemente. Este libro está ben interesante porque, aínda que non che guste como autor, quizais nel atopes claves ou cousas interesantes se queres darlle unha voltiña á túa escrita. Podedes saltar as súas batallitas de abuelo cebolleta e quédavos na metade.

Este verán tamén lin del El club de la lucha (ou como a min me gustaría que se titulase, El club de la ducha) e El día del ajuste. El club de la lucha gustoume máis que a película e nótase que é o primeiro Palahniuk. Ía poñelo tamén nesta entrada pero dous apartados dedicados a Palahniuk, xa me parecía demasiado.

El día del ajuste? Una mierda. Sei que dixen que non ía falar das cousas que non me gustaron, pero foi superior ás miñas forzas. Se non estivese co meu reto persoal de ler toda a merda que escriba este señor, deixaríao nas cincuenta páxinas. Por agora está no máis fondo do ránking.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario